Blogia
Noticias de Castrelos

O Entroido en Castrelo de Cima (1ª parte)

O Entroido en Castrelo de Cima (1ª parte) Moderna representación do vellarrón, a máscara de Castrelo de Cima, feita por Xosé Rodríguez Cruz

Nestes tempos nos que parece que as máscaras do entroido (carnaval) son enaltecidas polo que supoñen de tradición e arte popular, cando vemos que en determinados lugares ano tras ano aumenta o número de persoas que portan a máscara tradicional -véxase a cantidade de cigarróns que marchan polas rúas de Verín nestes días e pasa o mesmo coas pantallas de Xinzo-, nós queremos recordar aquí, non sen certa nostalxia e orgullo á vez, que tamén na nosa zona houbo un tempo en que saían máscaras similares ás que aínda se poden ver noutros pobos da provincia como Vilariño de Conso, Viana ou Manzaneda, por poñer algúns dos exemplos máis cercanos.

Segundo conta Xosé R. Cruz, investigador das tradicións e costumes do Surleste Ourensán e emparentado na nosa aldea, no seu traballo “Trazos sobre a vestimenta tradicional no Surleste Ourensán” (Ed. Deputación de Ourense, 2004), existiu en Castrelo de Cima dende non se sabe cando unha máscara chamada “vellarrón”, probablemente moi parecida á representada na imaxe de arriba. Dita máscara facíana persoas como o Sr. Manuel Danta, de alcume “O Xuez”, o Sr. Francisco Gago ou o Sr. Francisco Vaz, entre outros, sendo confeccionada a vestimenta pola Sra. Mª Rosa Prieto, a Sra. Aurora da Tía Luisa ou a Sra. Emilia da Tía Amable.

Estas máscaras saían en grupo por Castrelo e polas aldeas veciñas a pedir cartos ou máis ben viandas coas que facer logo un xantar para o grupo. Acompañando ós vellarróns ían outros personaxes como a Madama, muller engalanada con roupas elegantes e o Farrangón, home disfrazado con roupas vellas e coa cara tapada, que era o encargado de recoller os aguinaldos que daban os veciños. O Luis do Tío Silvino, de alcume “O Sixto”, fixo moitas veces este papel, acompañado en ocasións dun cadelo todo traxeado.

O vellarrón, ó tempo que facía soar as esquilas que levaba na cintura, ía zorregando cun “farrampo” similar a un mallo, como si dun látigo se tratara, a cantos atopaba polas rúas ó seu paso. A xente dicíalle: ¡Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!, para que gardara os cartos que algúns –poucos- lle daban.

0 comentarios