Blogia
Noticias de Castrelos

Festas e celebracións do mes de xaneiro en Castrelo de Cima. 2ª parte: O San Antonio e o San Sebastián

Foto: Néboa sobre Castrelos o pasado martes, día de San Antonio

Algúns días despois, o 17 de xaneiro, chegaba o San Antonio, festividade que tiña bastante arraigo. Conta Maruja Gago como pola mañá había misa e procesión e, ó carón da igrexa,  celebrábase tamén a subasta dos agasallos que a xente lle entregaba ó Santo,  e que consistían en cachuchas, queixadas, patas, orelleiras, etc., cos que enchían un cesto para ser subastados polo sancristán, que no seu tempo era o Tío Eladio. Oito días antes empezara xa o novenario, durante o cual sacaban o Santo ó redor da igrexa tódalas mañás. O día de San Antonio viña moita xente doutros pobos que lle tiñan moita devoción ó Santo, polo que lle traían tamén algún ofrecemento  para darlle grazas porque lle curara algún animal que estaba enfermo, porque lle naceran moitos porcos e todos sans, etc. As veces incluso traíanlle un porquiño pequeno ó Santo.

Pola tarde e pola noite había baile na aira de O Cabo, se o tempo acompañaba, ou senón nalgún lugar cuberto como o terreiro dos Cimas. En lugar de gaiteiros, esta vez era unha banda de música, que a miúdo acostumaba a ser a de Moialde, pobo próximo a Castrelos no que había unha docea de músicos, segundo contan. Outras veces viñan músicos de Castrelo de Abaixo e de Santa Comba, como o Sr. Juanito, o trompetista. Os músicos, ademáis de pagados, eran mantidos, polo que se repartían nas casas de varios vecinos para xantar e cear, normalmente nas dos mozos que organizaban a festa.


 

 

Foto antiga: Festa na aira de O Cabo

          

Máis adiante, ó día 20 deste mesmo mes, celebrábase o San Sebastián, no que se repetía o esquema de misa, procesión e subasta pola mañá e baile pola tarde e noite, aínda que esta vez soían ser gaiteiros os encargados de animalo. Acudían tamén xentes dos pobos veciños que lle traían o santo o seu agasallo.


Ademáis destas datas festivas, outros moitos domingos do ano organizábanse tamén festas máis ou menos improvisadas. Manolo Gago, veciño de Castrelo de Cima, conta como “naqueles tempos había un gaiteiro en cada pobo: un en Castrelos, outro na Veiga, en Covelas, en San Lorenzo, .... Íano chamar e xunto cun bombo e unha caixa facíase o baile, que duraba ata as dúas ou tres da madrugada. As mozas encargábanse de mantelos. Algunha levaba unha queixada e outras chourizos, cocíanos nunha pota e así preparábanlles alí a cena. Había festa moitos domingos, se non a había aquí era en Mourisco, ou na Veiga, ... Xa estaba a xente de acordo”.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres