Blogia
Noticias de Castrelos

A noite de "Entrancañar as calles"

A noite de "Entrancañar as calles" Foto: Cama sobre a praza no Domingo Santo de 1993

Nesta Semana Santa notouse a faltar un detalle en Castrelo de Cima: a noite de "Entrancañar as calles" (sic). Esta tradición celébrase na noite do Sábado Santo ó Domingo de Pascua. Segundo conta o Sr. Julio Danta, veciño desta aldea, esta noite especial comezaba antigamente cun longo repenique das campás da igrexa as 12 da noite. Con este acto as campás, que levaban sen escoitarse dende o mediodía do Xoves Santo, daban paso ó Domingo de Resurrección.

Durante a noite os mozos ían de ronda polas rúas cantándolle as mozas e incluso deixándolle flores ou outros agasallos (agradables ou non, segundo as simpatías que despertase a moza en cuestión). Despois afanábanse na tarefa de pechar as entradas da aldea con todo tipo de obstáculos. Calquera cousa servía para a broma: carros, troncos, arados, ladrillos, ... A intención non era máis que pasar un rato divertido coas bromas e sorprender ós que chegaban pola mañá para logo ter do que falar e rir durante unha temporada.

Un dos sitios habituais para "entrancañar" era xunto á casa do Sr. Domingo Taboada (de alcume Domingo da Aira), onde está a cancela de "A Canada", xa que por aquí viña moita xente atallando dende outros pobos na mañá seguinte para escoitar a misa na Igrexa de Castrelos.

Esta costume, ó contrario que outras, ten perdurado ata nosos días. Non fai moito que se pechou unha das entradas co carro da queimada ou se colocou unha cama con vacenilla e todo colgada a varios metros por encima da praza. Xa non se repeniquean as campás nin se vai de ronda nesta noite, pero o espíritu da broma mantense: os mozos, os poucos que hai, tratan de seguir pechando o pobo cando volven a casa despois de estar nos pubs e lugares da "movida" de hoxe en día.

Pero este ano parece que ninguén se acordou da tradición. Esperemos que non se perda como tantas outras que xa soamente se manteñen na memoria.

0 comentarios