Blogia
Noticias de Castrelos

Adeus ás festas do 2008

Esta semana pasada celebráronse unha vez máis as festas de Castrelo de Cima. Afortunadamente, acompañounos o bo tempo, aínda que con algún conato de tormenta, como o da tarde do día 9. Como sempre, tivemos unha banda para o día 7 pola noite e 8 pola mañá, e as orquestas Lamas e Monumental para os días 8 e 9 respectivamente. O día 9 pola mañá non houbo gaiteiros como en anos pasados, senón unha charanga, a Támega de Verín, que por certo gustou moito. Bueno, en xeral gustaron todas as actuacións. 

Houbo dous campos de festa, como o ano pasado. O día 8 a Orquesta Lamas actuou na praza e impresionou polas dimensións do escenario e pola música en xeral, algún opinou que fóra a mellor orquesta que pasara nunca por Castrelos. O problema foi que o camión, que era moi largo,  pasounas canutas para pasar pola curva que hai antes de chegar á praza, índo desde O Cabo, con risco de volcar cara as fincas que hai debaixo da carretera. 

A Monumental actuou o día 9 na Aira do Cabo, esta vez en palco pola imposibilidade de que entrara o camión.

A xente queixouse do sitio da festa do día 8, na praza do pobo, porque ademais da pendente, estaba bastante cheo de pedras e terra levantada. Ata algún dos que  hai pouco avogaban por facer a festa nesta praza xa di agora que o sitio mellor para facela é a Aira do Cabo... Para nós sempre estivo claro que a Aira o mellor sitio, sobre todo polo emblemático, polo enxebre e pola situación, tan só necesita unha pequena reforma na entrada e no chan.

En canto á Queimada, este ano o tema foi de Piratas. Como sempre, a xente estivo moi disposta a colaborar nos preparativos, aínda que nestas datas había bastante menos que no mes anterior. Preparáronse dúas carrozas en forma de barco, un de piratas e outro da armada, no que ía a realeza. Na metade do campo da festa organizouse unha batalla naval e o combate foi tal que non se sabe quen ganou. A parte musical correu a cargo da banda de gaitas de A Gudiña. Houbo bastante xente, máis que no ano pasado, e eso que era martes. Despois da Queimada, a orquesta enrollouse moi ben e a verbena continuou ata pasadas as cinco e media da madrugada. Algúns dos músicos incluso estiveron despois no chocolate na cantina.

E eso foi todo. Nestes días poremos aquí o vídeo da Queimada, que xa está a punto.

0 comentarios